PAU 2026
RELACIÓN DE CONTIDOS

PREGUNTA 1 (de resposta única)
1. A nova monarquía dos Reis Católicos
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer á unión dinástica das Coroas de Castela e de Aragón a través do matrimonio de Sabela de Castela e Fernando de Aragón, explicando a reorganización político-administrativa que tivo lugar, sobre todo, en Castela a través de novas institucións. Tamén se debe sinalar que o devandito proceso completouse coa utilización de institucións relixiosas, como a Inquisición, con fins políticos; e que tivo como un dos seus principais obxectivos lograr o sometemento da nobreza.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 é a unión dinástica e a reorganización político-administrativa.
2. A configuración do imperio español no século XVI
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer a herdanza que recibiu Carlos I de súa nai, Xoana de Castela, e de seu pai, Filipe o Fermoso, para posteriormente comentar os cambios que sufriu ese conglomerado territorial na segunda metade do século. Outros aspectos a tratar neste tema son o reparto de posesións tras a súa abdicación entre o seu fillo Filipe e o seu irmán Fernando; a incorporación de Portugal e dos seus territorios á monarquía de Filipe II; e a rebelión de Flandres, que contou co apoio inglés e foi un dos elementos que daría lugar á guerra contra Inglaterra.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 é a política exterior de Filipe II
3. A crise do século XVII: aspectos socioeconómicos e políticos
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer as principais causas, evidencias e consecuencias da crise demográfica e económica, facendo especial referencia á postura dos privilexiados respecto dela. Desde o punto de vista político, tratará o programa de reformas que tentou poñer en marcha Olivares, prestando especial atención á Unión de Armas e á crise sufrida pola monarquía a partir de 1640 (revolta de Cataluña e rebelión de Portugal).
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 é o programa de reformas de Olivares e as rebelións de Cataluña e Portugal.
4. Economía e sociedade na Galicia dos Austrias
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer a evolución demográfica e económica que experimentou Galicia nos séculos XVI e XVII, relacionándoa cos efectos que provocou a introdución do millo na agricultura, e salientar as crecentes desigualdades existentes entre as zonas interiores e o litoral galego, onde se desenvolveu unha importante actividade pesqueira. Igualmente cómpre subliñar as características da estrutura social, incidindo na conversión da fidalguía no grupo rendista máis representativo.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 son as características da agricultura e as súas transformacións, xunto coa importancia da pesca na Galicia litoral.
5. Conquista e colonización de América: leis de Indias, revolución dos prezos
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer os trazos máis significativos do proceso de conquista de América, as principais institucións de goberno e administración do imperio colonial, con mención ás Leis de Indias. Tamén debería explicar os sistemas de explotación dos recursos americanos mediante o uso de mano de obra indíxena (encomenda e mita), así como as consecuencias económicas derivadas desta relación coas Indias (a denominada revolución dos prezos).
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 son os sistemas de explotación dos recursos humanos (encomenda, mita), as críticas aos mesmos e os intentos de evitar os abusos (Leis de Burgos).
6. O cambio dinástico e a guerra de Sucesión
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer as causas, a cronoloxía e a configuración xeral dos bandos enfrontados na Guerra de Sucesión tanto a nivel internacional como dentro do territorio peninsular da monarquía hispánica (dimensión interna e externa do conflito). Tamén debería explicar as causas e as consecuencias políticas, territoriais e económicas da sinatura do Tratado de Utrecht.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 son as causas e consecuencias da guerra.
7. Os Decretos de Nova Planta e os seus efectos
Nesta pregunta o alumnado debería contextualizar os Decretos de Nova Planta dentro do programa reformista implantado por Filipe V de Borbón co obxectivo de lograr un maior grao de centralización territorial seguindo o modelo francés e explicar tanto a razón do ámbito xeográfico no que foron aplicados, como os seus principais efectos a nivel político e administrativo.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 son as causas e consecuencias dos Decretos.
8. O reformismo borbónico en Galicia
Nesta pregunta o alumnado debería ser capaz de explicar de forma xenérica, o que se entende por reformismo borbónico, así como as iniciativas levadas a cabo en Galicia polos Borbóns durante o século XVIII, debidas a súa importancia xeo-estratéxica.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 é a construción do arsenal de Ferrol e as súas repercusións.
9. A Ilustración en España
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer as ideas básicas defendidas pola Ilustración así como as características propias da Ilustración española; indicando as súas figuras principais e os seus mecanismos de difusión. Explicar o Despotismo Ilustrado en España, subliñando o labor desenvolvido por Carlos III (non exento de dificultades) e os mecanismos de difusión das ideas ilustradas.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 refírese ás principais reformas económico-educativas levadas a cabo durante o reinado de Carlos III, así como ás dificultades atopadas na súa realización (Motín de Esquilache).
10. O papel da muller na Idade Moderna
Nesta pregunta o alumnado debería coñecer as principais dificultades que presenta o estudo das mulleres na Idade Moderna (escaso interese por parte dos historiadores, ocultación nas fontes...). Tería que afondar na condición xurídica da muller no Antigo Réxime e no papel que desenvolve dentro da institución familiar como esposa, nai e transmisora da herdanza. Finalmente, debería valorar as enormes diferenzas existentes desde o punto de vista económico, social e cultural entre privilexiadas e non privilexiadas así como a súa participación no mundo do traballo tanto no ámbito rural coma no urbano.
O contido do texto que será obxecto da pregunta 1 son as diferenzas (sociais, laborais, educativas) entre as mulleres privilexiadas e non privilexiadas.
BLOQUE 2. O CAMIÑO CARA A CONTEMPORANEIDADE: DAS REVOLUCIÓNS LIBERAIS AO TARDOFRANQUISMO
PREGUNTA CON OPCIONABILIDADE
11. A crise da monarquía absoluta: abdicacións e ocupación napoleónica
O alumnado deberá contextualizar a crise da monarquía absoluta española no reinado de Carlos IV, facendo referencia aos problemas económicos, políticos e sociais que o caracterizan, así como ao impacto da Revolución Francesa sobre o mesmo. Explicar o proceso de abdicacións en Baiona e demostrar que coñece as repercusións da ocupación napoleónica tanto na súa vertente política –goberno francés/Xuntas revolucionarias– como militar –guerra, pero sen entrar no desenvolvemento da mesma–.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- crise da monarquía absoluta, nos eidos económico e político
- abdicacións de Baiona
- o goberno francés e as súas repercusións na sociedade
- proceso revolucionario centrado na formación da guerrilla e das xuntas.
12. As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812
O alumnado deberá facer referencia ao contexto da guerra de Independencia; ás razóns para a convocatoria de Cortes en Cádiz; explicar o seu labor lexislativo, así como as tendencias políticas dos deputados; indicar as dificultades atopadas para o establecemento do réxime liberal e demostrar que coñece o novo modelo político e social deseñado pola Constitución de 1812.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- convocatoria de Cortes
- a súa composición social e ideolóxica
- o seu labor (principais decretos e Constitución de 1812)
13. A restauración de Fernando VII e do absolutismo: as etapas do reinado
O alumnado deberá explicar o reinado deste monarca como a crise permanente e definitiva do Antigo Réxime, un modelo que xa resulta inviable fronte a un liberalismo que vai sufrir avances e retrocesos ata a morte do rei. En consonancia con isto, referirase ás etapas políticas do seu reinado e comentará as súas principais características: o Sexenio Absolutista (regreso de Fernando VII e restablecemento do absolutismo, abolindo a obra das Cortes de Cádiz); o Trienio Liberal (triunfo do pronunciamento liberal de 1820 e establecemento dun goberno desta ideoloxía); e a Década Ominosa (restablecemento do absolutismo logo da intervención dos “Cen Mil Fillos de San Luís”).
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- etapas políticas do reinado de Fernando VII (dificultade de instauración do liberalismo fronte á monarquía de Antigo Réxime)
- características e principais medidas de cada etapa
14. A construción do Estado liberal: principios do liberalismo e diferenzas entre as familias políticas da época
O alumnado deberá demostrar que coñece as características xerais do liberalismo, distinguindo as dúas correntes básicas dentro da ideoloxía liberal que darán lugar ás tres grandes familias políticas da época; relacionar eses principios ideolóxicos coas diferentes constitucións e identificar os principais líderes das diferentes familias políticas; indicar que tendencia era a preferida pola monarquía e diferenciar, a teor diso, as distintas etapas do reinado isabelino sen afondar nas mesmas.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- os principios ideolóxicos do liberalismo moderado, progresista e democrático.
15. A Revolución Gloriosa e a Constitución de 1869
O alumnado deberá referirse ás causas deste proceso revolucionario, así como ao seu desenvolvemento posterior (alianzas políticas, programa revolucionario...), ata chegar á formación dun Goberno Provisional e as medidas levadas a cabo por este, facendo fincapé na constitución de 1869 e nas súas características. Aínda que a monarquía de Amadeu de Saboia non sexa obxecto de comentario, pode facerse unha referencia breve á mesma para explicar as consecuencias da Revolución.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- o proceso revolucionario de 1868
- as medidas implementadas polo goberno provisional
- a constitución de 1869.
16. A Primeira República: proxecto de constitución federal e cantonalismo
O alumnado deberá referenciar xenericamente o paso da monarquía de Amadeu de Saboia (chea de dificultades) a un réxime republicano inestable e moi cuestionado. Como consecuencia do anterior, explicará a falta dun modelo consensuado de república; o xurdimento do movemento cantonal, a división entre os republicanos federais así como o proxecto de constitución federal.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- o proceso de proclamación da I República
- o problema do cantonalismo
- o proxecto de constitución federal.
17. A Restauración
O alumnado explicará as bases do sistema da Restauración ou sistema canovista (a súa xénese conservadora, monarquía constitucional doutrinaria, o “turnismo” ou quenda pacífica de partidos) e a Constitución de 1876 nos seus trazos fundamentais (soberanía compartida Coroa/Cortes, papel esencial da monarquía no nomeamento dos gobernos...). Tamén deberá facer referencia á consolidación do sistema canovista a través da configuración da “quenda pacífica” e ao funcionamento dun modelo político marcadamente oligárquico e fraudulento.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- o proceso de restauración da monarquía borbónica
- as bases ideolóxicas do sistema canovista
- os seus mecanismos de funcionamento
- a constitución de 1876.
18. A cuestión nacional no último terzo do século XIX
O alumnado deberá demostrar que coñece os factores que levaron á eclosión dos nacionalismos periféricos (o seu nacemento como unha reacción fronte ás pretensións centralistas do Estado liberal), o seu ideario, así como o seu desenvolvemento posterior (carácter minoritario nos comezos ata a súa conversión en movementos de masas, cunha importante influencia política, capaces de enfrontarse aos partidos da quenda). Deberá tamén facer mención dos seus líderes principais.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- bases ideolóxicas do nacionalismo catalán
- bases ideolóxicas do nacionalismo vasco
- principios fundamentais do galeguismo.
19. A crise da Restauración
O alumnado deberá explicar someramente, os/aqueles/algúns dos factores que influíron na desarticulación do sistema canovista (dende o Desastre do 98 ata as sucesivas derrotas militares na ocupación do norte de Marrocos); incidindo no deterioro progresivo do funcionamento do sistema e na existencia de crises políticas e sociais cada vez máis graves como as de 1909 e 1917. Afondará na creba definitiva do sistema da Restauración por mor da tripla crise de 1917 para, a partir da mesma, referirse á descomposición do goberno parlamentario e ao problema de Marrocos (“desastre de Annual”).
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- o Desastre do 98
- a Lei de Xurisdicións e os seus efectos
- a Semana Tráxica,
- a tripla crise de 1917 (militar, política e social)
- o desastre de Annual.
20. A ditadura de Primo de Rivera (golpe de estado e etapas)
O alumnado terá que analizar as causas explicativas do Golpe de Estado así como os apoios cos que contou. Afondará igualmente, nas características das dúas etapas en que se dividiu a Ditadura (Directorio Militar e Civil) mencionando a crecente oposición á mesma que se foi xestando e que provocou o seu final. No apartado final da composición, o alumnado pode facer tamén unha breve referencia aos gobernos de Berenguer e Aznar.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- razóns do golpe de Estado,
- ideoloxía do réxime
- principais características e medidas do Directorio Militar
- principais características e medidas do Directorio Civil
- período final da Ditadura
21. O establecemento da II República (forzas políticas e constitución de 1931)
O alumnado deberá explicar o proceso político que levou á implantación da II República e referirse ao contexto socioeconómico no que esta se establece; afondará nas distintas forzas políticas que se configuran neste período tanto a favor como en contra da fórmula republicana, analizando os seus principais trazos ideolóxicos e apoios, e comentará as principais características da Constitución de 1931.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- proclamación da II República
- forzas políticas do período (ideoloxía, partidos e apoios)
- constitución de 1931.
22. A Guerra Civil: sublevación, bandos en conflito e a súa dimensión internacional
O alumnado terá que referirse ao contexto no que se produciu a conspiración militar para pasar deseguido a abordar a organización da sublevación, que rematou coa división de España en dúas zonas (unha fiel á República e outra dominada polos sublevados), explicando como foi percibido o conflito polos dous bandos e as repercusións da guerra española no escenario político previo á II Guerra Mundial e apoios recibidos.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- organización do golpe de Estado
- ideoloxía e apoios dos bandos enfrontados
- internacionalización do conflito e as súas consecuencias.
23. O franquismo: características e institucionalización
O alumnado analizará as características esenciais do réxime franquista así como o seu proceso de institucionalización a través das denominadas Leis fundamentais, ademais de explicar o concepto de “Democracia Orgánica”, relacionando a evolución ideolóxica e institucional experimentada polo Réxime ao longo do tempo tanto co contexto político internacional como coas transformacións sufridas pola propia sociedade española.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- principios ideolóxicos do franquismo,
- leis fundamentais
- concepto de democracia orgánica
24. O franquismo: as formas de oposición ao Réxime
O alumnado deberá demostrar que coñece e caracteriza as diferentes formas de expresión adoptadas pola oposición ao franquismo ao longo da súa existencia: desde a primeira actividade guerrilleira na inmediata posguerra ata o xurdimento de diversos movementos de oposición dentro dos piares do réxime (o exército, a Igrexa e o partido único) na etapa final do mesmo, pasando pola protesta estudantil e obreira, a organización de partidos políticos clandestinos, a actividade terrorista e a oposición desde o exterior.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- diferentes forzas de oposición ao Réxime predominante en cada etapa e o seu modus operandi
· actividade guerrilleira
· oposición estudantil
· oposición sindical
· oposición política interior e exterior
· terrorismo
· oposición na Igrexa, o exército e no partido único
BLOQUE 3. O MODELO DE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO ESPAÑOL
BLOQUE 4. RETOS DO MUNDO ACTUAL
PREGUNTAS CON OPCIONABILIDADE
25. A reforma agraria liberal: as desamortizacións
O alumnado deberá demostrar que entende o concepto de desamortización e, daquela, referirá as razóns explicativas que a facían necesaria. Ademais, terá que vincular o proceso de desamortización desenvolvido en España no s. XIX coas tendencias liberais que o favorecen e paralizan. Tamén será preciso que afonde nas etapas fundamentais do devandito proceso, indicando os seus obxectivos así como os beneficiados e os prexudicados por ese feito. Finalmente, cumprirá que realice un balance global dos efectos das desamortizacións nos distintos eidos (político, socioeconómico e cultural).
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- Aplicación das diferentes desamortizacións: obxectivos, efectos e consecuencias
26. Os principais sectores industriais e o papel do ferrocarril
O alumnado deberá demostrar que coñece xenericamente as dificultades do proceso de industrialización en España e que identifica os sectores pioneiros e as áreas xeográficas en que se localizan (industria téxtil, centrada en Cataluña, e siderúrxica –individualización dos tres focos clásicos–). Respecto ao papel xogado polo ferrocarril, deberá vinculalo coa Lei de Ferrocarrís como impulsora do mesmo, así como analizar as principais características da rede ferroviaria española e as súas consecuencias. Neste punto será interesante valorar a súa relevancia como estimulador ou non da industrialización española.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- Industria téxtil: características, proceso de desenvolvemento, efectos e consecuencias.
- Minaría e siderurxia: características, proceso de desenvolvemento, efectos e consecuencias.
- Ferrocarril: características, proceso de desenvolvemento, efectos e consecuencias.
27. O movemento obreiro no Sexenio democrático e na Restauración
O alumnado terá que contextualizar a expansión do movemento obreiro no período político do Sexenio Democrático, relacionándoo co recoñecemento de dereitos na constitución de 1869 e coa influencia da AIT. Tamén deberá ofrecer unha explicación básica dos principios esenciais defendidos polas ideoloxías obreiras anarquista e marxista/socialista (obxectivos e medios empregados para a súa consecución). Así mesmo, cumpriría que se referise á evolución do movemento obreiro no último terzo do século XIX, sinaladamente da Restauración, como momento de consolidación das organizacións de traballadores e do recoñecemento dos sindicatos, sen esquecer os episodios represivos.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- organización do movemento obreiro español no contexto do Sexenio Democrático
- evolución das organizacións de traballadores durante a Restauración (consolidación/represión)
- principios ideolóxicos e modelos organizativos do anarquismo
- principios ideolóxicos e modelos organizativos do marxismo
28. A evolución da sociedade no século XIX (con especial atención á situación da muller)
Sempre tendo en conta a información subministrada polo documento, o alumnado terá que explicar como as transformacións da economía conduciron ao xurdimento dunha nova estrutura social onde a burguesía e o proletariado se converten nas dúas clases fundamentais fronte aos grupos sociais tradicionais. Ademais, deberá referise ás condicións de vida das clases traballadoras (nas cidades, sometidas as longas xornadas de traballo e baixos salarios) e no campo (malvivindo dos seus escasos recursos ou sometidos á vontade dos grandes propietarios). Con respecto á situación das mulleres, sería preciso que incidise na loita polos seus dereitos: discriminación laboral, salarial e política (movemento sufraxista).
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- condicións de vida e traballo das mulleres no s. XIX
- loita polos seus dereitos.
29. As grandes reformas da II República
O alumnado comentará as causas, evolución e consecuencias das principais reformas emprendidas pola República (relixiosa, militar, agraria, territorial, educativa...), explicando con máis detalle aquelas que se mencionen especificamente nos documentos e indicando cales foron xa iniciadas no Goberno Provisional ou no Bienio Reformista, a parálise de todas elas durante Bienio de Dereitas e a súa recuperación no goberno da Fronte popular, non sendo necesario afondar nestes períodos.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- Causas, características, evolución e balance das reformas:
· Relixiosa
· Educativa
· Agraria
· Territorial
· Militar
· Laboral
30. O franquismo. Política económica
O alumnado deberá demostrar que coñece a política económica do franquismo nas súas distintas etapas: os principais trazos da política autárquica característica da primeira fase (período de illamento internacional e bloqueo económico); a política de liberalización económica desenvolvida polo goberno dos tecnócratas; as causas e consecuencias do chamado Desarrollismo e os efectos da crise económica internacional no tardofranquismo.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia ás características, medidas e consecuencias da
- Autarquía
- A liberalización económica dos anos 50
- O desenvolventismo
- A crise do tardofranquismo
31. A situación da muller no século XX (II República, franquismo, gobernos da democracia)
O alumnado deberá comentar os principais dereitos sociais e políticos acadados polas mulleres na II República (en particular o dereito ao voto), o papel xogado por estas durante a Guerra Civil e retroceso experimentado durante a ditadura franquista, na que se estableceu un ríxido modelo de feminidade (perda de capacidade legal, control social …). Deberá referir tamén os efectos da igualdade entre homes e mulleres consagrada na constitución de 1978 e desenvolvida na lexislación posterior, así como o lento avance na igualdade de xénero.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- os logros acadados polas mulleres na II República
- o papel desenvolvido polas mulleres durante a guerra civil
- o modelo feminino do franquismo
- a progresiva recuperación de dereitos por parte das mulleres co restablecemento da democracia
32. A Transición e a consolidación da democracia
O alumnado deberá demostrar que coñece o contexto no que se levou a cabo a transición, así como as diferentes medidas postas en marcha polos primeiros gobernos, facendo fincapé nos principios fundamentais da constitución de 1978. Deberá afondar tamén nas dificultades básicas polas que pasou UCD e o intento de golpe do 23-F para rematar facendo referencia á política levada a cabo polos gobernos socialistas ata 1996.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a:
- o proceso político da Transición
- as reformas desenvolvidas nos gobernos de Adolfo Suárez
- os principios fundamentais da constitución de 1978
- o golpe de Estado do 23-F
- as principais medidas dos gobernos socialistas
33. España en Europa e no mundo
O alumnado deberá analizar o proceso de integración de España na CEE así como a súa integración e participación na política internacional, facendo fincapé en determinadas cuestións especialmente salientables, a saber: a adhesión á OTAN, a reapertura de Xibraltar, a política iberoamericana ou a participación na guerra de Iraq. Cumpriría rematar coa mención daquelas misións humanitarias ou de paz nas que o Estado español ten participado nos últimos tempos.
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- A integración de España na CEE
- O proceso de adhesión á OTAN
- A participación de España nos conflitos internacionais (Iraq, misións humanitarias e de paz)
34. Evolución e cambios na España actual
O alumnado deberá demostrar que coñece a dinámica na que se atopa a España actual no referido ás seguintes cuestións clave: as transformacións asociadas aos retos e consecuencias da globalización (cambios no sistema produtivo e modificación dos patróns socioculturais); as novas políticas e estratexias gobernamentais para a consecución do desenvolvemento sostible; as limitacións e retos do Estado de Benestar (sistema de pensións, desequilibrio xeracional, fluxos migratorios…); a aparición de novos movementos de cooperación internacional e voluntariado; e os movementos de reivindicación social e cidadá (movementos antiglobalización, 15M, Marea Verde…).
Os documentos obxecto de comentario farán referencia a
- Retos e consecuencias de globalización en España
- Limitacións e retos do Estado de Benestar
- Movementos de reivindicación social e cidadá


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.