ESTRUTURA DA PROBA
Para facilitar a corrección das preguntas, é importante que se responda a cada unha delas por apartados (a, b, c…) ou que, no caso de non facelo así, se marquen as diferentes partes da pregunta con claridade (por exemplo, empregando parágrafos distintos, suliñando cada parte, etc). Desta maneira facilitarase a maior obxectividade posible na cualificación de cada ítem de corrección conforme á rubrica.
Por outra banda, o acordo da CRUE sobre os criterios de avaliación das probas sinala que a cualificación outorgada debe valorar a coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica así como a súa presentación. No caso da nosa materia, sinala que a ponderación será do 10% da cualificación total outorgada ao exame.
Pregunta 1. Sociedades no tempo. Reflexión crítica das fontes de información.
Identificar informacións erróneas (ata 0,5 puntos) | Identificación correcta de un erro: ata 0,25 Identificación correcta de dous erros: ata 0,5 |
Explicar os erros detectados (ata 1,5 puntos) | Explicación correcta de un erro cunha resposta que demostre o coñecemento do tema: ata 0,75 Explicación correcta de dous erros cunha resposta con precisións e aclaracións: ata 1,5 |
Rectificación dos erros (redacción correcta) (ata 0,5 puntos) | Redacción correcta de un erro empregando un vocabulario axeitado: ata 0,25 Redacción correcta de dous erros empregando un vocabulario axeitado: ata 0,5 |
Aclaracións sobre as características dos posibles erros:
· Os erros a identificar nunca serán máis de DOUS, de xeito conceptual e de contidos esenciais, non sobre cuestións de detalle.
· Os erros serán sempre de calado, ben conceptuais ou de contidos esenciais da materia e non sobre detalles ou cuestións moi precisas. Por exemplo, poderán ser do seguinte tipo: “A formación da Gran Armada contra Inglaterra foi consecuencia da política de reputación impulsada polo Conde Duque de Olivares”; “Un dos principais conflitos aos que debeu facer fronte Filipe II foi a rebelión de Portugal” ou “O conde duque de Olivares tivo gran importancia na definición da política exterior de Filipe II pola súa condición de valido real”.
Aclaracións sobre o formato das respostas:
· Os erros teñen que transcribirse no cadernillo. Non serve subliñar no texto do exame, porque os/as correctores/as só reciben o caderniño de respostas.
· As respostas deben ser redactadas porque non só se valora o contido, senón tamén á calidade da redacción (vid. Aclaración inicial sobre coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica e a súa presentación).
· Para evitar confusións no proceso de corrección, aconsellamos que a información se redacte en dous parágrafos seguindo o seguinte modelo:
- Identificación dos erros (por exemplo: Apartado 1.1 O texto contén dous erros. O primeiro refírese... O segundo erro consiste en...).
- Argumentación (por exemplo: Apartado 1.2 Respecto ao primeiro erro, trátase dunha idea equivocada porque... En canto ao segundo, non é así porque...).
- Redacción correcta (por exemplo: Apartado 1.3 O texto debería dicir que... A redacción correcta do segundo erro sería...).
· A rectificación do erro debe facerse sen volver copiar todo o texto, senón só a frase ou idea que está mal.
· A explicación dos erros debe ser concreta (sen expoñer todo o tema teórico), coherente e argumentada.
· Non é necesario redactar unha introdución nin tampouco unha conclusión; limitándose a resposta ao formato que presentamos.
Pregunta 2. O camiño cara á contemporaneidade. Análise comparativa.
Moi deficiente (0) | Resposta en branco o sen relación coa materia da pregunta |
Deficiente (entre 0,1 e 0,5) | Resposta confusa, que revela a incomprensión da pregunta Texto no que abundan as imprecisións, palabras inexistentes, frases incoherentes ou mal articuladas. |
Insuficiente (entre 0,6 e 1,24) | Resposta incompleta, que revela a falla de coñecementos Redacción moi simple |
Aprobado (entre 1,25 e 1,74) | Resposta na que se indican as semellanzas e diferenzas básicas entre as temáticas propostas. Texto formalmente correcto, pero expresión demasiado simple |
Notable (entre 1,75 e 2,24) | Resposta na que se indican as semellanzas e diferenzas básicas e se explica con certa profundidade polo menos UNHA delas. Redacción correcta |
Sobresaliente (entre 2,25 e 2,50) | Resposta que ademais de indicar as semellanzas e diferenzas básicas, explica con certa profundidade polo menos DÚAS delas. Redacción correcta, argumentación coherente e vocabulario axeitado |
Aclaracións sobre as posibles comparacións:
· As comparacións serán xenéricas (etapas, ideoloxías, situacións políticas...).
· Se a comparación é entre períodos históricos, estes serán consecutivos, nunca entre etapas moi diferentes, como podería ser, por exemplo, comparar o reinado de Fernando VII e o Sexenio democrático.
· Non haberá comparacións entre Constitucións nin se preguntarán as etapas do reinado de Sabela II. Porén, se o obxecto da comparación invita a introducir aspectos relacionados coas diferencias entre constitucións, por pertencer a ideoloxías diferentes, si será necesario salientalo.
· A resposta non debe elaborarse como se fora un comentario de texto, nin un tema teórico porque non o é. O alumnado unicamente debe explicar as semellanzas e diferenzas que constitúen esa análise comparativa.
· A resposta non pode formularse mediante unha táboa comparativa.
Preguntas 3 e 4. Comentario de documentos históricos (fragmentos de textos, táboas de datos, imaxes, gráficos ou mapas).
· Comentario de textos históricos
Identificación do tema (entre 0 e 0,5) | -Distinción xenérica do asunto tratado no texto: ata 0,25. -Indicación precisa do asunto tratado no texto: ata 0,5 |
Contextualización do documento (entre 0 e 0,5) | -Situar na súa etapa histórica: ata 0,2 -Etapa histórica+cronoloxía precisa: ata 0,3 -Etapa histórica+cronoloxía precisa+ autoría ou intencionalidade (segundo o caso): ata 0,5 |
Comentario do proceso histórico // tema (entre 0 e 1,5 puntos) | -Resposta básica: ata 0,5 -Resposta que demostra o coñecemento do tema: ata 1 -Resposta con precisións e aclaracións: ata 1,5 |
· Comentario de táboas de datos, imaxes, gráficos ou mapas
Análise dos datos (entre 0 e 1) | -Identificación do período cronolóxico, ámbito xeográfico e idea principal que reflicte o documento: ata 0,25 -Identificación da idea principal + análise dos períodos/asuntos que se poden distinguir, así como a relación entre eles e, de ser o caso, a evolución dos datos: ata 0, 5 -Identificación da idea principal + exame dos distintos apartados + valoración dos datos: ata 1 |
Explicación do contido (entre 0 e 1,5) | -Indicar e explicar de forma xenérica o contexto histórico do documento obxecto de comentario: ata 0,5 puntos -Afondar na explicación do tema (comentario das causas, obxectivos, posibles dificultades, acontecementos históricos directamente relacionados co mesmo, consecuencias...): ata 1 punto. |
Aclaracións sobre os comentarios:
· Non hai que clasificar o documento.
· Non hai que identificar o documento, senón o tema.
· As respostas deben centrarse no asunto concreto tratado no texto e non utilizar o texto como pretexto para elaborar unha pregunta-tema.
· No caso de contestar os diferentes apartados relativos á análise dos datos e a explicación do contido, estes serán separados por punto e aparte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.